Dentro da rexión de Tras-os-montes, no Municipio de Macedo de Cavaleiros, existe unha irreductible fregresía que leva por nome Podence, nela festéxase todos os anos un dos entroidos máis vellos e importantes do norte de Portugal. Estes elementos fixeron que no ano 2019 a UNESCO declarase Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade a festividade en cuestión.

O entroido, como sinala Rafael Quintía, é unha das festividades do ciclo de inverno, tamén chamado ciclo de defuntos. O ciclo comezaría co culto ós difuntos (que acollería dentro dél os magostos, o san martiño e as matanzas), seguiría con outra grande festividade, a do Nadal, e por último o entroido.

No caso que traemos nesta entrada, na localidade de Podence os protagonistas son sen dúbida, os caretos, uns personaxes misteriosos e diabólicos que por estética e comportamentos atraen recordos de “homólogos” do Entroido galego, falamos dos peliqueiros, cigarróns, pantallas… Os rapazotes da aldea encarnan estes caretos cheios da enerxía que lles transmite a máscara, enerxía que se externaliza dando choutos, correndo e berrando pola aldea, mentres atronan cas chocallas. Todo isto aderezado con moitos flecos.

Co fin de manter a chama da tradición, os nenos tamén son parte da festa, pero o seu rol interpretativo é o dos facanitos, que cunha vestimenta moi colorida (verde, vermella e amarela) e con flecos, por suposto, pretenden ser unha sorte de duendes ou trasnos. Poden desfilar sós ou ser parte da comitiva cos adultos. Eles tamén levan chocallas para facer barullo.

Os Facanitos esperando para facela baixada dende a porta da igrexa

Dentro dos días que dura o Entroido, o domingo gordo, anterior ó martes de Entrudo, teñen lugar as bodas fingidas, nas que se escollen parellas para casalas (entre os mozos e mozas da localidade, sempre dun xeito ficticio e que require da participación e do bo humor dos elexidos).

Se queres participar da festa e mudar de personalidade, tes que constituirte en matrafonaé decir, se eres home disfrazarte de muller (ou viceversa). Este será título dabondo para ter patente e quedar fora dos envites dos caretos.

A festa remata o martes, día no que se fai o desfile e a queima do Entrudo, que ven formando parte, como indicábamos ó comezo, dese remate das festividades do ciclo de inverno. Este ritual busca queimar as enerxías negativas, o vello e o malo para marcar o inicio da primavera, do novo, do rexurdir da vida.

No ano 1985 os Caretos de Podence, pasan a ser unha asociación cultural que ten por obxectivo principal a preservación desta tradición do nordés transmontano.

Se te achegas ata Podence non esquezas facer a ruta dos muráis e visitar a Casa do Careto.

Presentamos, a continuación un breve video correspondente ao primeiro día da celebración no que se fai a Solta dos Facanitos.

Desafortunadamente, neste 2024 non nos foi posible quedarnos ata o día seguinte por ter compromisos que atender en Galicia pero intentaremos voltar porque realmente sempre paga a pena vivir (ainda que sexa por unhas horas) en Portugal

Algúns dos muráis que se atopan en Podence

Redacción:
Sergio Santos Otero

Imaxe e son:
Carolina Fernández Álvarez
Gusi Domarco Cid