Xullo é un dos meses estrelas das festas, romerías e feitas etnográficas e de artesanía de Galicia. 

Co bo tempo non hai pobo que non teña a súa celebración.

Desta volta saímos cara ao concello de Agolada, na comarca do Deza, case case no centro xeográfico de Galicia. Fernando Cabeza Quiles (estudoso da toponimia galaica) dixo, e de seguro que dixo ben, que o topónimo proviña da expresión latina Aqua Lata (auga conducida), e isto é o que imos facer, deixarnos conducir polos pendellos de Agolada e ir parando nas distintas artesanías que se acollían en cada un deles.

Que… por que fomos ata alí? Pois porque a pasada fin de semana Agolada era o punto de encontro dos artesáns galegos. Algúns rotativos (Faro de Vigo) recollían as palabras de Gabriel Alén, director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, que definía o Corazón da Artesanía como un encontro multidisciplinar orientado a amosar, poñer en valor, enxalzar e contribuír ao desenvolvemento integral dos nosos oficios artesanais, especialmente dos máis tradicionais, dos valores da artesanía e da marca Artesanía de Galicia, así como dos produtos gourmet.

Este espírito foi o que fixo que nos pendellos coincidiran, durante unha fin de semana, artesáns e expositores; uns, para amosar o seu bo facer e compartir o seu coñecemento en obradoiros; e outros, para comerciar, como sempre se fixo en tan insigne lugar.

Os teares tradicionáis son un dos maiores atractivos do encontro.

Este ano coincidiron 53 profesionais da artesanía, 36 como expositores e outros 14 artesáns, que acudirán como docentes dos cursos de formación especializada. No aspecto gastronómico, ou gourmet, contábase cunha oferta de 32 empresas, das que 19 tiñan o selo de Artesanía Alimentaria. Ademáis houbo postos de comida en forma de carriñas ou furgonetas de comida, mais coñecidas internacionalmente como “food trucks”, aparte das pulpeiras que non poden faltar en cada festa galega.

Pero podedes estar preguntándovos que é iso dos pendellos? Pois é un lugar dos máis singulares de Galicia no que se refire a comercio. E por que? Pois porque Agolada logrou conservar, talvez por estar illada de actividade industrial, ou, simplemente por sorte, unha estrutura de mercado que, segundo os estudosos, data do século XVIII, e no que se acollían feiras moi populosas. Un entorno que conta, dende o ano 1985, co recoñecemento que outorga a Declaración como Monumento Histórico-Artístico .

Os pendellos son unhas estruturas de pedra, con tellado de tella curva portado por vigas de madeira, normalmente de castiñeiro. Hai tres tipos de pendellos:

  1. Os pendellos de tipo expositor, que son os que se empregan para amosar a mercadoría. Estes eran alugados para tal fin e serían como os postos das actuais feiras, onde se amosa a roupa, produtos da matanza, bacallau ou froita.
  2. Os pendellos que se usaban de comedor, que eran esa especie de “refectorio” monástico no que os devotos do comercio recuperaban forzas. Ademais este tipo de lugares servían e serven para compartir experiencias e coñecemento entre os membros dun mesmo gremio ou para intercambiar información entre os feirantes ou outros veciños das distintas parroquias. Nestas instancias, os bancos e mesas eran de madeira e situábanse arredor dunha lareira. A envolvente exterior estaba formada por muros de pedra con poucas fiestras para gardar do frío no inverno e manter frescor no verán.

3.- O terceiro grupo de pendellos subdivídese en dous. Por unha banda teriamos as vivendas rodeadas de pendellos expositores, e por outra os pendellos hostal. A finalidade, como ben poderedes imaxinar, era a de reporse e descansar da trasfega do mercado (persoas e bestas) porque debemos lembrar que, en orixe, non era doado achegarse ata unha feira, dado que á escaseza de medios de transporte de grande capacidade había que lle engadir o estado dos camiños e corredoiras, sen entrar no asunto do tempo. Era habitual saír á noitiña do día anterior para chegar de mañá cedo ó lugar da feira.

Para saber máis sobre os pendellos : Patrimonio Galego

Redacción:
Sergio Santos Otero

Imaxe e son:
Carolina Fernández Álvarez
Gusi Domarco Cid