En Historias da Mezquita “A forza das mulleres” repasamos a historia de mulleres nadas a finais dos anos 40 e principios dos 50. Xente que se viu obrigada a migrar ante a situación sociopolítica do momento na procura dunha vida mellor. En contraposición, e como xeito de ver o que ten mudado a realidade da comarca, falan mulleres novas que actualmente moran e traballan na Mezquita, localidade da comarca de Viana, na provincia de Ourense.
O punto de partida da historia é o da posguerra. Por que é importante partir dende aquí? É importante para poder achegarse a esta necesidade que impulsou as nosas protagonistas a moverse lonxe do recuncho do mundo do cal non saíran antes, e que marca as historias das que nos fixeron partícipes.
A vida cotiá era moi dura, non ten nada que ver, pero nin de lonxe, coa vida na actual sociedade do 5G. Para comezar, as familias tiñan unha Cartilla de Cupóns de racionamento, que contiña vales para o pan, o arroz, o aceite, as patacas e outros produtos non programados que podían variar segundo a semana ou o mes.
Esta ferramenta, ademais de repartir alimentos, constata a existencia de auténticas penurias alimenticias e permítenos elucubrar sobre o que supoñía para a xente saberse dependentes dun Estado que prové a comida e que controla o que reparte a cada familia. Por suposto que ten máis compoñentes, como a constatación da existencia de caciques que xurdirán como parte do mercado negro ou do poder que administra e xestiona o mecanismo, pero isto é fariña doutro muíño.
Neste contexto de penuria, e dado que o campo tampouco podía garantir unha produción que fose dabondo (precariedade nos procesos agrícolas), que os produtos da cartilla eran escasos, acompañado de anos de fame (malas colleitas, períodos de seca etc.) levaron a unha agudización do enxeño e a pillaría. O sistema estaba condenado dende o comezo, dado que, semella claro, nunha ditadura os que gobernan non teñen o problema de acceso ó alimento que teñen os destinatarios das cartillas, fan cábalas e estimacións do que precisa alguén para manterse con vida e producir; outra cousa é o que acontece de certo. Este sistema finou en abril do 1952.
Aquí é onde xorde un dos elementos típicos da ditadura franquista, máis se cabe nesta comarca raiana con Portugal. Nesta terra de fronteira foi típico o fenómeno do estraperlo ó que aluden as mulleres do documental. Tamén estaba “estratificado” o estraperlo posto que dependía dos produtos e da xente que podía acceder a eles, pero foi un mercado paralelo que axudou a paliar a fame a moita xente pois ante a falta de moedas había troque por outros produtos do campo ou da casa (carne da matanza, por exemplo).
O estraperlo é a palabra que se emprega para definir o mercado negro ou ilegal que traficaba coas mercadorías que estaban sometidas a impostos ou taxas polo Estado.
Aínda así, nesta terra de fronteira de por si permeable ó estraperlo (na meirande parte dos casos coa conivencia das forzas da orde), a emigración era outro xeito de aliviar as necesidades dos que quedaban, de mellorar os que marchaban e de contribuír, a longo prazo, á mellora destas terras cos envíos de diñeiro e bens. A tan interesada achega de divisas do estranxeiro (daquela cada país de Europa tiña a súa moeda) era outro interese do réxime franquista.
Outro elemento para avaliar aquí sería o da descapitalización de xente nova no agro galego, dado que os que marchaban eran os que tiñan folgos e necesidades para emprender este tipo de aventura como ben contan elas.
Neste ambiente a saída foi, nun primeiro momento, falamos dos anos 40, maioritariamente cara ó estranxeiro (países como Bélxica, Francia, Alemaña, Suíza etc.), e logo unha migración interior cara ós puntos de desenvolvemento industrial do país, no caso galego, País Vasco e Cataluña, pero tamén outros do resto da península. Esta segunda vaga, sería consecuencia da chegada do “desarrollismo” dos gobernos tecnócratas do franquismo (1959-1969).
As nosas protagonistas, as que saíron emigradas, gardan un bo recordo daqueles anos de emigración, sinalando o bo trato que recibiron nos lugares ós que foron, xente que foi á industria manufactureira ou ó sector servizos. Non deixa de ser un caso de fortuna posto que, por exemplo, os que sairon cara Bélxica entre os 1956 e 1965 tiñan por destino as minas, canteiras, metalurxia e o traballo doméstico, e non foron tan afortunados no trato.
Por último, queda patente nos seus testemuños o sentimento de comunidade e solidariedade que implicaba a vida naquel momento en contraposición ó individualismo actual.
Redacción:
Sergio Santos Otero
Imaxe e son:
Carolina Fernández Álvarez
Gusi Domarco Cid