A Asociación A Broa Sendeirismo organizou por segunda vez neste ano 2024 a Escasulla do Millo, unha actividade na que a xente nova convive cos maiores e rememoran o proceso de escasullado do millo.
O tempo non axudou gran cousa pero aínda así foi posible sair aos campos a recollelas mazarocas.
As rapazas e rapaces voltaron co tractor cargado de millo que se levou a unha das cortes de Pardavedra onde tería lugar o proceso do escasullado e posteriormente a moenda de parte do millo para elaborar pan e outros productos que serían cocidos no forno comunal.
Como xa sabedes a maioría, a mazaroca do millo ven envolta nun casullo e ten unhas barbas por riba.
No proceso da esfolla retíranse esas barbas e ese “pelexo” que o envolve para logo gardala mazaroca ben limpa e seca ata que haxa que empregala para facer fariña para a casa ou para alimentalo gado.
O proceso require unha certa habilidade máis non demasiada forza. Trátase de collerlle o xeito e non perdelo ritmo.
Por ese motivo calquera, grande ou pequeno, pode participar nel e colaborar no traballo.
A mazaroca, esfollada e ben seca hai que degrañala para separalo gran da espiga.
Neste proceso xa se require algo máis de habilidade e forza e en tempos máis modernos empezouse a realizar con maquinaria de manivela ou motorizada.
Máis, neste caso, fíxose o degrañado a man, como se facía tradicionalmente. Traballo penoso e laborioso onde os haxa no que as mans sofren a pesar de levar postas unhas luvas de traballo.
Degrañado e ben seco o millo emprégase un muiño elétrico para moelo e convertilo en fariña.
As cativas botan o gran na parte superior e pouco a pouco vai caendo na caixa a fariña.
Coa fariña elaborábase tradicionalmente a Broa, o pan de millo dos Galegos caracterizado por unha masa húmida, pesada e densa cun intenso sabor.
Tamén se elaboraban e siguen elaborando empanadas, coa dificultade de que a masa milla non liga como a de trigo e resulta máis complicado estendela.
Nesta edición da actividade os participantes elaboraron e enfornaron varias pizzas que remataron por cear con moita ledicia no mesmo forno.
A equipa de lembrame.gal quere agradecer unha vez máis a todas as persoas da Asociación A Broa e a toda a veciñanza de Pardavedra as facilidades que nos deron para a filmación e recollida de información.
Tamén queremos felicitalos por axudar a que se manteñan vivas as tradicións da terra. Entre todos conseguiremos que os saberes populares non se perdan e sexan valor de futuro para quen veña despois.
Redacción e edición de video:
Equipa de lembrame.gal