AS DANZAS DE VILANOVA DOS INFANTES: patrimonio inmaterial e memoria colectiva

As danzas tradicionais constitúen unha das formas máis significativas de expresión
estética e simbólica das comunidades rurais galegas. Neste caso, abordaremos a Danza
dos Zapateiros, propia da parroquia de Vilanova dos Infantes, que pertence ao concello
de Celanova, situada a uns 20 quilómetros de Ourense. Esta danza é un testemuño vivo
da cultura gremial e relixiosa que se mantén ligada á festa da Virxe do Cristal en Vilanova.
O contido desta reportaxe revelará a estreita relación entre a devoción, a identidade
parroquial e a memoria histórica.


Vilanova dos Infantes posúe un patrimonio que merece ser visitado, como a súa igrexa
parroquial (erguida sobre vestixios mozárabes), o Cristo románico do século XII-XIII, a
súa impoñente torre medieval e restos murais que lembran a defensa dos irmandiños.

Contexto histórico

A Danza dos Zapateiros de Vilanova dos Infantes xurdiu como unha ofrenda á Virxe do
Cristal. Segundo a tradición, o gremio de zapateiros decidiu dedicarlle unha danza á
Virxe co fin de librarse dunha gran peste. Dende entón, cada 15 de setembro, os
danzantes acompañan a Virxe na procesión.

A realidade da danza parece máis conectada co gremio que lle dá nome. Nun primeiro
momento era executada por homes, o que suxire un posible carácter ritual ou de
celebración propio do oficio dos zapateiros. Co tempo, adquiriu un peso relixioso e
acabou por asociarse coa festividade da Virxe do Cristal, tal vez en agradecemento a esa
liberación que indica a tradición.

Contexto ritual

A danza é un dos elementos fundamentais da procesión da Virxe do Cristal, un evento
que se celebra cada mes de setembro e que percorre o tradicional Camiño da Barroca
ata entrar na vila. Na Praza Maior, a cruz, San Roque e San Sebastián reciben a imaxe da
Virxe. É aquí, despois do encontro, onde as damas cantoras e os danzantes realizan as
súas actuacións, interpretando a danza gremial herdada do oficio dos zapateiros. Ao
parecer, as orixes desta danza son medievais e, como ocorre noutros lugares, mantén
un forte vínculo coa tradición arquitectónica e relixiosa da comarca.

Estrutura e execución

A Danza dos Zapateiros require a participación de oito danzantes, organizados en catro
parellas. O vestiario consiste nunha camisa branca, gravata negra e enaguas, unha
estética que lembra as tradicións gremiais. A coreografía divídese en cinco partes:

  • REDONDA. – 1ª REVERENCIA. Parte con castañolas. Pasos cadenciosos e saúdos
    á Virxe, con movementos solemnes.
  • PONTE. Dous integrantes levantan os paus para formar un arco polo que pasan
    os demais.
  • PARTES DE PAOS, con varias moalidades:
    • 1º “PALOTEO”.
    • 2º “PALOTEO” OU PALOTEO DE CATRO
    • 3º “PALOTEO” OU PALOTEO DE CÚ
    • 4º “PALOTEO” OU PALOTEO DE ABRIR
    • 5º “PALOTEO” OU PALOTEO DA RABIOSA.
  • TRENZADO DAS FITAS. Con castañolas. Simboliza a unión da comunidade en
    torno á devoción mariana.
  • DANZA:
    • SERPENTINA.
    • REDONDA.
    • 2ª REVERENCIA. Unha reverencia de conclusión que fai de clausura da
      danza, enlazando de novo coa procesión.

Cabe destacar que a banda de música de Vilanova dos Infantes tamén participa nesta
posta en escena, contribuíndo a garantir a continuidade interxeracional.

Valor patrimonial

Varios estudos etnográficos sinalan que estas danzas son unha expresión da identidade
parroquial e da memoria colectiva, ademais de ser un elemento folclórico. Cumpran
unha función integradora, xa que reafirman o sentimento de pertenza e manteñen vivos
valores transmitidos oralmente e a través da práctica continuada (Fernández Senra,
1999).

Conclusión

A Danza dos Zapateiros de Vilanova dos Infantes é un elemento de alto valor dentro do
patrimonio inmaterial, xa que conflúen nela elementos relixiosos, estéticos e sociais. A
pervivencia deste tipo de danzas demostra a capacidade das comunidades rurais
galegas para conservar e actualizar prácticas con profundas raíces no tempo,
integrándoas na actualidade sen perder o seu significado orixinal.

Redacción:
Equipa de Lembrame.gal

Videografía:
Carolina Fernández e Gusi Domarco

Texto:
Sergio Santos Otero