Non só temos beleza en Parada do Sil, tamén temos festas modestas e singulares, como a Pisa da Castaña. O nome trae causa do procesado da castaña que se mantén na aldea de Purdeus, pertencente á parroquia de Chandrexa.

Neste 2024 tiña lugar a undécima Festa da Pisa da Castaña, pensada para darlle á “papatoria”. De entrada contamos, como en tantas outras, con produtos locais (bicas, queixos, marmeladas, viño…) e, como non, gaiteiros. Despois de ver o procedemento da pisa (para abreviar sobre o particular recomendamos ver o vídeo), a organización repartiu un caldiño limpo que era deses que a certas horas saben que…. mmm prestan.

Pero ese caldiño só era a previa ou introito ao resto do ritual do Xantar Popular da Castaña, unha sorte de cocidiño que agardaba na parte alta da aldea. Os elementos que formaban parte da aliñación eran: patacas, verdura, lacón, cachucha, androlla, tenreira, orella e morro, pan, auga e viño (Mencía e Godello). Para aqueles que quedaron con fame ou cun buratiño, estaba a bica, e como fin de festa o café e os “chupitos”

O motivo da nosa presenza nesta festa, ademais de desfrutar dunha xornada que foi de grande agrado, e porque esta era unha práctica típica nestas terras do interior, era o xeito de preparar a castaña para a súa almacenaxe de cara a poder conservalas e consumilas durante todo o inverno.

Unha vez que se apañaban as castañas colocábanse no sequeiro; despois dun tempo, metíanse nunha bolsa de lona e batían con ela contra un tronco, o chamado pisón. Finalmente, limpábanse separando as peles nun instrumento de madeira chamado criba, coñecido noutros sitios como bandoxo.

O SEQUEIRO

É unha construción de gran valor etnográfico, que ten algunhas variacións segundo a zona xeográfica, pero que, de xeito “harmonizador” imos definir aquí.

Polo xeral atópanse no medio dos soutos, aínda que outros están sitos nas aldeas. Independentemente da localización, o común é que son construcións de pedra con dous pisos no interior e un teito de tella ou lousa. A separación facíase por un piso de láminas de castaño, lisas por riba e en forma de cuña por baixo, as riplas, e tiñan dúas portas de entrada independentes. Unha vez feita a colleita das castañas depositábanse no piso superior, caniceira.

Na caniceira as riplas están lixeiramente separadas, o xusto para que as castañas non caian e para que permitan que entre o fume e a calor producida por unha fogueira, ou remoleiro, que se facía na planta baixa.

A fogueira permanecía acesa día e noite durante todo o proceso de secado uns 15 ou 20 días.

Redacción:
Sergio Santos Otero

Videografía:
Carolina Fernández e Gusi Domarco

Revisión:
Xabier Álvarez