No pobo das Teixugueiras, pertencente a parroquia de Sabucedo de Montes, concello de Cartelle (OU), celébrase dende tempos inmemoriais un entroido tradicional no que se conmemora o escarmento que deron a un recadador de impostos que quixo excederse no seu traballo.

Mariluz, unha das organizadoras da festa que logo fará de Peliqueira, cóntanos:

O que ten de peculiar aquí é o Meco e ese recorrido que se fai montado nun carro.
A historia dí, a lenda dí, que este meco ten a súa orixe nun cobrador de impostos que viña por aquí, polas Teixugueiras, alá polo século XVI, e que a xente xa estaba un pouco cansa de todo isto, entón que o atou, que lle deu unha malleira, atouno nun carro e o paseou por todo o pobo.

Entón que a partir de aí, todos os anos, se revivía un pouco esta historia.
Eso é o que se conta.
Non sei se é máis eso ou as festas paganas e o cristianismo, ou, bueno, todo isto, unhas festas de primavera.

Será ela quen nos guíe ata un pendello onde agarda o carro, debidamente reforzado para ser quen de aguantar o duro “test de impactos” que lle darán os veciños.

Xunto del están outros aparellos (sedeños, traveseiros, etc) que forman parte dos elementos precisos para formar a tracción de tan insigne paseo triunfal.

A arte cobra vida no monte. Aquí, trala escolla da árbore correcta, o artista, armado de motoserra, comeza a antropomorfización da torada. A motoserra amputa con coidado pero sen escatimar na lonxitude, a virilidade do protagonista.

Momento de descanso. Sobre o tronco, case convertido totalmente en cobrador, póñense as viandas (pan, sardiñas en lata e outros). A seguir, e como mostra de re utilización, as latas son coidadosamente postas nos laterais da testa representando as orellas.

Mariluz explícanos a figura do peliqueiro ou alguacil, a súa función,
a súa vestimenta e o modo de confeccionala.

Realmente, as figuras son homes, non son mulleres.
E as mulleres disfrazan aos homes coas suas enaguas, coas camisas, e despois xa, porque realmente o que máis ten detalle é o gorro que está feito con  vimbios e cunhas cintas.
Púñase unha unha toquilla así de lado, eu levoa aquí, pero bueno, é así posta por aqui. E realmente o tal é o gorro, que está feito con vimbios e con xuncos.
Esta estrutura é de vimbios e xuncos e logo adornase con cintas.
Antes levaban a cara tapada cunha toquilla, bueno, o importante é que non se conoceran.
E os peliqueiros son os que poden mallar.

Dende o lugar de manufactura do Meco, e turrando dun sedeño, os mozos do lugar lévano a rastro ata o pío. Pouco despois o Padriño, co acordo dos veciños, bautiza o Meco con viño dándolle o nome. O nome alude a algún personaxe de sona nacional ou internacional do que se quere facer escarnio.

Tempo despois segue a súa viaxe de escarnecemento e vexación polas cunetas, rúas e píos ata chegar á praza.

Ó día seguinte, para sorpresa de propios e estraños, ¡o Meco non está na praza!. Segundo din, foi unha falcatruada dos Mozos que andaban de troula pola noite, apañaron o Meco e agochárono en algures.

Ata que esperten pola mañá non se saberá onde pasou a noite.

Unha vez recuperado o protagonista chega o momento de subilo no carro. Aquí principia a segunda xornada deste particular calvario do recadador, que inclúe, entre outros puntos de interese, a baixada polo Cótaro, a subida pola Barreira e o ascenso ata o Outeiro do Meco. O periplo alóngase por varias horas.

Finalmente, o Meco chega á praza do pobo onde presidirá á tardiña a lectura do seu testamento. 

O padriño, na súa condición de custodio do testamento que con grande pausa e reflexión foi elaborado no día anterior,  será o responsable de entregarllo cun aire marcadamente cerimonial, ó encargado de darlle lectura

O acto da lectura do Testamento comenza sempre coa consabida fórmula:

O Testamento do Meco ha de ser desta maneira:
Ha de baixar polo Cótaro e subir pola Barreira.

E continúa coa lectura das coplas, das que extraemos só algunhas:

Eu son o Rubiales.
Este ano veño do mundial.
As mulleres ganaron a final.
Pero dixéronme que algo fixen mal.
E por un piquito dixeronme criminal.
Non ia dimitir, eh?
Non, non.
Ao final as miñas palabras traguei.



Despois de tanta gaita que tocou, o Ismael un grupo ao final xuntou:

O Óscar de Palistroque na caixa.
Presente!
A Mariluz na pandeireta.
Ausente!
O José Ramón Pachín representante.
O Ismael, como non, é a voz cantante.



Esta é para divertirse, que ninguén se sinta ofendido.
E se algún non o vé así, que carallo fai aquí?
Que quede na casa metido, que os que queremos disfrutar,
de necios e resentidos, estamos fartos no lugar.
Ata o ano que ven, o Meco.

Agradecemento:
José Antonio Seara Nieves
Pola recopilación e divulgación de historia e patrimonio na sua web www.seara.es

Redacción:
Sergio Santos Otero

Imaxe e son:
Carolina Fernández Álvarez
Gusi Domarco Cid