Publicamos finalmente o documental “A luz das ánimas” para a súa visualización libre por todo o mundo.
Leva integrados subtítulos en galego, castelán e portugués para facilitar a súa visualización fóra de Galicia.
Si desexas facer unha proxección na túa institución, colexio, asociación, etc. agradecerémosche que te poñas en contacto connosco e nolo comuniques. Gustaranos saber de que xeito o empregas, con que rangos de edades e que número de persoas asisten.
Si nos é posible, gustaríanos tamén poder asistir e participar no coloquio que se faga despois da proxección.
O documental producido por lembrame.gal continúa a súa andaina por terras galegas, e así seguirá… En breve, agardamos que tamén en Portugal.
No norte do país veciño, que —como ben sabedes— mantén fondas similitudes culturais con Galicia, compártese tamén esta tradición de culto ás ánimas en camiños e encrucilladas. Alí, no canto de petos de ánimas, reciben o nome de alminhas.

En A luz das ánimas mergullámonos nunha viaxe por un universo de luces, voces, lembranzas e camiños que unen xeracións. É certo que se fala da morte, pero dunha morte que mantén vivos, a través da memoria, a aqueles que xa abandonaron este mundo. A peza pretende amosar, así, a forza das tradicións e da memoria colectiva galega.
Tras a súa estrea oficial na última xornada do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF), –nun pase especia no Cine Clube Padre Feijóo-, a seguinte proxección tivo lugar na sede da Fundación Vicente Risco, en Allariz, onde foi recibida con grande acollida. Esta última sesión resultou especialmente emotiva, pois serviu tamén para celebrar que xa van máis de dous anos desde que comezara a andaina do proxecto LEMBRAME.GAL.
En ambas sesións, o público participou activamente e amosou interese polo patrimonio, polas crenzas e tradicións, polos rituais e polo valor da transmisión oral dun saber popular que, en boa medida, estaba a caer no esquecemento.
En encontros coma estes nace e refórzase a nosa convicción de que o patrimonio inmaterial precisa apoio e visibilidade, e que exercicios como este —materializados a través do documental A luz das ánimas— contribúen a ese necesario labor de preservación e posta en valor.
Texto: Sergio Santos Otero
Imaxes:
