Esta é unha desas ocasións nas que nos gusta contarvos algo por “dobre ración”.
—Pero…, como vai iso da dobre ración? –Moi sinxelo. Como en tantas ocasións, somos testemuñas do que vos imos narrar, pero desta volta, ademais, tamén imos ser parte.
Neste ano 2025, concretamente o día 4 de outubro, terá lugar algo que celebramos fondamente quen participamos en lembrame.gal, porque pon en valor algo tan noso como o Entroido e, ademais, demostra que o rural galego é quen de producir contido cultural; algo que ás veces semella esquecerse.
A responsable de todo isto é a Asociación Cultural Entroido de Mugares, que decidiu que fose a aldea de Meaba, no Concello de Toén (Ourense), o lugar onde se celebre a primeira edición da Mostra Audiovisual do Entroido (tamén chamada Mostra Etno-Audiovisual dos Bens do Entroido): unha mostra anual dedicada a proxectar pezas audiovisuais relacionadas coas mascaradas e o patrimonio do Entroido, concibida como punto de encontro para a creación e a investigación documental/etnográfica.
As persoas que vos acheguedes a Meaba o día 4 de outubro ás 16:30 horas teredes ocasión de ver, ademais da nosa reportaxe sobre o Entroido (ligazón), outras obras como:
- Documental de CeltaMedia
- Traballos de Laura Prieto
- Pezas da propia Asociación Cultural Entroido de Mugares
Contido musical-audiovisual:
- Vídeo de Uxía Lambona e Banda Molona
- Unha peza do artista Baiuca
Spots e pezas promocionais:
- Obra de Carlos Urban para a Deputación de Ourense
- Anuncios de Lapera para R Cable
A finalidade deste encontro, segundo Roberto Álvarez, presidente da Asociación Cultural Entroido de Mugares —organizadora do evento—, é “pór en valor a tradición do Entroido mediante a linguaxe audiovisual”. Pero tamén “crear un punto de encontro para creadoras e creadores, un espazo para a inspiración, a investigación e a difusión documental do patrimonio das mascaradas”. E, ademais, “nace coa vocación de repetirse cada ano como mostra especializada nos bens culturais do Entroido”.
Tamén, segundo indicou o propio Roberto Álvarez, prevese que dentro da xornada haxa espazos de encontro para Creadores.
Tal e como sinalamos ao inicio, é unha grande satisfacción para nós poder compartir esta nova e participar no evento.
