A Malla en Tuiriz
A aldea de tuiriz, no concello de Ferreira de Pantón celebra dende 2019 a festa da Malla na que se recrean as tarefas necesarias para separala palla do centeo.
De boa mañá as veciñas e veciños reúnense nas inmediacións da aira ataviados con roupa de época e dispóñenses a subir ao monte no que xa está segado parte do cereal.
A pé, en burro e en carros de vacas iniciase o camiño hacia os campos cargados coas ferramentas necesarias. Os animáis, que xa coñecen o camiño déixanse guiar mansamente ata o seu destino sabendo que logo do duro traballo terán o seu merecido descanso.
Nos campos de centeo xa están feitas algunhas medas dende o día anterior
Cóntanos un veciño que hai mais de 40 anos que non se fan estos traballos. Él mesmo tivo maquinaria para mallar pero deixou de utilizala nesa época.
Namentras uns van segando o centeo outras van facendo e atando os mollos para facela meda que se deixará secar e se baixará en carros ao pobo.
O correcto atado que evitará que os mollos se desfagan require unha boa técnica que só se adquire coa experiencia.
As atadoras, de xeonllos, calcan o feixe contra o chan e rematan o atado cunha volta que só mans expertas saben realizar.
Vanse desfacendo as medas no campo e vanse cargando os carros coa palla. Só alguns expertos saben cargalos de xeito correcto para que o peso vaia ben centrado. No caso contrario diríase que o carro vai “traseiro” ou “dianteiro” asegún onde se acumule a palla e someteríase ás bestas a unha traballo incómodo e innecesario.
E como todos os anos chegou o momento de facela foto de familia na que saen todos os que participan. A continuación emprenderase o camiño de volta ata a aira do pobo onde se mallará o cereal.
Comenza agora o proceso da malla tradicional. Os operarios situados a ambos lados do cereal vano golpeando rítmicamente cos mallos, unhas barras de madeira curtas e pesadas unidas a un varal longo cunha correa. Convén axustar ben o ritmo para non golpearse uns aos outros e tamén para que o traballo da separación do gran da palla sexa regular e efectivo.
Por ser un traballo moi pesado e feito a pleno sol os malladores e malladoras teñen que turnarse cada pouco tempo.
Durante un tempo conviviu a malla tradicional coa realizada por medios mecánicos.
A Campeva, acrónimo de Campolongo Perez Varela é unha máquina automática de mallar fabricada en Pontevedra que facilitaba moitísimo as labores agricolas.
Movida coa toma de forza do mesmo tractor que a arrastraba para posicionala no seu lugar facía os traballos de mallar, erguer a palla xa sen gran e peneiralo froito sacándoo separado para que o recolleran as coañadeiras.
Dende a meda vanse pasando mollos aos operarios, que os desatan e os meten de xeito ordenado no cargadeiro da malladora. A sincronización entre os traballadores facía que o fluxo de traballo fora constante.
Dependendo da zona de Galicia o propietario da malladora cobraba o seu traballo en función do tempo de traballo ou do número de mollos, dando este último método lugar a discusións e renegociacións no caso de que os feixes foran demasiado grandes.
Na saida da máquina varios homes van recollendo a palla para gardala seca e limpa de gran nun palleiro namentras que pola outra parte da máquina, as coañadeiras fan o traballo pesado de ir recollendo en sacos o gran, sempre dentro da nube de po e palla que desprenden os mecanismos da malladora.
Os primeiros mollos de palla limpa construirán a base do palleiro e delimitarán o seu perímetro. Sobre eles irase elevando ata chegar á altura que os operarios consideran adecuada.
Esta palla será usada durante o resto do ano principalmente para acomodar os animáis nas cortes e logo deste uso convertirse en esterco para fertilizar de novo os campos.
En Galicia, os traballos como a malla foron feitos tradicionalmente de xeito comunitario, colaborando toda a veciñanza. O propietario do cereal a mallar compensaba o traballo facendo un almorzo a base de pan, queixo, viño e outros productos da terra, almorzo no que se participaba con moita ledicia servindo tamén de descanso no medio do traballo.
As malladoras “sistema suizo” foron fabricadas tamén no país vasco nos anos cincuenta e tiveron versións especiáis en Galicia adaptadas aos minifundios desta terra.
A forza motriz viña proporcionada por un motor diesel externo que lle transmitía o movimento cun sistema de poleas e correas que permitía adaptalas ás circunstancias do terreo e mover tamén outros aperos coma os erguedores.
De novo vánselle pasando mollos aos operarios. Un deles desátaos e o outro introdúceos na máquina ben paralelos ao rodillo que os sacude e fai que se desprenda o gran.
Na saída da máquina vaise recollendo a palla con forcadas e xuntándoa cunhas varas de vimbio que axudan a trasladalas ao lugar onde se vai erguendo o palleiro.
Con este tipo de malladoras faise preciso realizalo peneirado e aventado do gran de xeito manual ou noutra máquina separada denominada erguedoiro que tamén podía ser movida a man, co motor universal ou. máis recentemente, cun pequeno motor eléctrico.
Tocáballe en moitas ocasións aos rapaces mover esa manivela, por ser un traballo monónoto pero non excesivamente pesado nin perigoso.
Cos traballos realizados chega o momento para o xantar e a festa en comunidade. As comidas comunitarias de campo e mantel da época nas que a familia dos propietarios do cereal que se mallaba invitaban a comer aos veciños que axudaban nela deixaron lugar á festa de mesa corrida, pulpeira, carne ao caldeiro e churrasco. E por suposto música. A música dos gaiteiros que fan que os traballos sexan máis livians e a vida máis feliz.
