Festa do Pão de todos en Tourem
A aldea de Tourém, a cabalo entre Galicia e Portugal, celebra a Festa do Pão de Todos como xeito de recuperar as tradicións ancestrais e de unir xentes de diferentes xeracións.
Esta manifestación cultural da identidade popular lémbranos que a festa, o pan, a música e a cultura seguen vivas na raia galego-portuguesa.
Xúntanse neste día varias tradicións.
Carlos explícounos a Serrada da Vella, que orixinalmente se facía no medio da Coresma pero nesta ocasión se fai de xeito excepcional para enriquecela festa.
Como Carlos, os veciños e veciñas de Tourem foron moi xenerosos co seu tempo connosco e déronnos todo tipo de indicacións.
Os Bombos de Sobretámega, chegados de Marco de Canaveses, animarán a xornada.
Estas formacións tradicionais de bombos, tamén denominadas Zés Pereiras, son moi frecuentes no norte de Portugal e inclúen un número variable de bombos e tambores, cos que executan ritmos trepidantes, chegando ás veces ata a extenuación dos músicos.
As formacións, que tradicionalmente estiveron compostas por homes, incorporan na actualidade mulleres e tamén outros instrumentos, como as concertinas.
Da aldea de Murços, en Trás-os-Montes, chegan os caretos cos seus fatos de vivas cores, o rostro cuberto e os chocallos, que, ademais de poñerlle música á festa, serven para chocallar as mulleres, baténdolles no cu e nos riles con eles.
O forno tradicional é unha robusta construción de granito, con contrafortes para soportar o peso da cuberta, feita con grandes lousas. Constitúese como centro da vida da veciñanza, á que se acudía para cocer por quendas e organizar a vida do pobo.
O señor Pereira vainos explicando o proceso para facer o pan e conservalo nas casas durante días.
Mentres atendemos ás explicacións do señor Pereira, fóra, polas rúas de Tourém, a actividade non para. Gaiteiros e pandeireteiras chegados de Galicia, os Caretos de Murços e os Bombos de Sobretámega van facendo a festa polas rúas, convocando a xente para o xantar comunitario.
Na artesa vaise amasando a fariña con auga, sal e a masa nai que quedou de fornadas anteriores e que fará de lévedo. Mans expertas dedícanse a este traballo, amasando durante horas e deixando logo fermentar o pan antes de metelo no forno.
A cruz feita sobre a masa do pan cumpre dúas finalidades: a simbólica e ritual, de propiciar a boa cocción do pan, e tamén a práctica, de marcar un lugar polo que a masa rache e poida evacuar os gases do levedado, evitando que o pan rebente e permitindo que a calor entre no interior do bolo.
No carro, que xa chega, transportaranse os pans, xa cocidos, desde o forno ata o lugar da festa.Vai acompañándoo toda a comitiva durante o seu camiño, para custodialo e para poder ser os primeiros en gozar del.
O rito, de nova factura, da bendición do pan e do seu ofrecemento aos catro ventos e ás súas terras incorpórase a esta festa, recollendo elementos tradicionais e agregando ideas da tradición celta. Unha vez celebrado, compartirase o pan cos presentes, desexando paz e prosperidade para todos.
Remata a festa coa representación extemporánea da Serrada da Vella.
Aparecen grandes mecos de palla representando as vellas e a mocidade vai con chocallos xunto a todas as mulleres maiores para pedirlles para a vella.
Farase tamén o pranto, no que os herdeiros da vella lembrarán as súas bondades e darán conta do testamento e das propiedades que deixa.
Coa queima da Vella rematará a festa, deixando grandes penas para uns e moita felicidade para outros. Co lume despedímonos ata a próxima visita a Tourém.
Coa queima da Vella rematará a festa, deixando grandes penas para uns e moita felicidade para outros. Co lume despedímonos ata a próxima visita a Tourém.
